26/09/07

24/09/07

The silence of the lambs



Xa tivo a ben entrevistarse cos veciños de Meá o Director General de Política Energética e Minas. Do Presidente da Xunta e o Ministro de Industria non se sabe ren. Tan altos cargos é lóxico que só baixen xunto da plebe cando toca pedir votos.

19/09/07

Manifesto de solidariedade coa Plataforma de Veciños O Cruceiro de Meá



Quen asinamos máis abaixo solidarizámonos coa Plataforma de Veciños do Cruceiro de Meá (Mugardos), pechados na Casa do Concello de Mugardos desde o mes de xullo, porque cremos que calquera veciño, calquera cidadán ou habitante, deste país ou de calquera outro, ten o dereito a que non lle estraguen a súa paisaxe e seu o contorno, e a non vivir a súa vida baixo a ameaza silenciosa dun perigo terríbel.

Quen asinamos este manifesto acreditamos que a xustiza e as leis que nos damos teñen que servir para defender os principios de igualdade e de liberdade, e non para protexer os intereses dos máis poderosos e xustificar as decisións que estes toman á marxe de toda legalidade e amparándose nos recantos máis escuros da sociedade e da humanidade.

Quen asinamos estas liñas acreditamos nun modelo de desenvolvemento sustentábel e autocentrado, que non repita os erros que se cometeron no pasado ao localizar empresas en sitios inaxeitados, e ao promover industrias de enclave que dun ou doutro xeito acaban por explotar e esgotar os recursos naturais que tamén son patrimonio de alguén, nosos ou doutros pobos.

Quen asinamos aquí sabemos que a existencia de REGANOSA en Punta Promontoiro trouxo tamén consigo a miseria e a baixeza morais de quen quixo ou precisou poñerse do lado dos poderosos, así como a tristura de ver enfrontados a veciños con veciños e a familias con familias, e que non hai forma máis implacábel de acabar cunha comunidade que destrozala dividíndoa desta maneira.

Quen asinamos temos a esperanza de que se traslade esta instalación fóra da Ría de Ferrol, na súa localización primixénea e ideal do Porto Exterior, e estamos convencidos de que aconteza o que aconteza coa nosa causa, moitas outras persoas están atendendo e entendendo, compartindo, ensinando e aprendendo desta loita que ante todo é xusta e fraternal.

Asina este manifesto aquí.

13/09/07

Curiosirregularidades no Catastro


¿Que explicación pode ter que unha leira e vivenda de irreductibles mugardeses desapareza misteriosamente das referencias do Catastro (sen os propietarios saber ren) para (oh, sorpresa!) formar parte dun pupular polígono industrial?

Desturpando a toponimia (II)



¿Punta Promontoiro ou Punta Promontorio?

11/09/07

Transparencia



Xa postos sobre o asunto dos 20.000 euros ao que a infame La Voz de Galicia (sempre disposta á información monolateral darredor de Reganosa) concedeu rango de verdade absoluta (non acompaña ao titular dun "según palabras de fulanito" como sería habitual nestes casos), e aproveitando que a chegada do bipartito puxo sobre a mesa prácticas tan loables como as reflectidas na Lei de Transparencia, gustaríame como veciño da vila coñecer euro a euro a orixe dese suposto gasto de 20.000 euros fora de orzamento ao que se refire o Alcalde en concepto de luz e horas extras da Policía Local. As contas, así de primeiras, semellan difíciles de cadrar (estariamos falando de preto dos 4.000 € extras por axente en só mes e medio), inda que sempre podería tratarse de a) unha pequena inflacción á hora de pedir axudas á Xunta ou b) un pouco cabaleiroso intento de lixar a imaxe da veciñanza pechada no Concello.