30/04/08

Mugardesas ilustres: Teresa Cameselle



E velaquí está. En canto unha anónima me puxo en coñecemento que tiñamos a unha escritora mugardesa —Teresa Cameselle— gañadora dun premio literario acudín lixeiro a facerme cun exemplar. Será a miña primeira incursión na novela romántica pero, vaia, sempre hai unha primeira vez. Non me pidades sinopse e facédevos vós mesmos cun exemplar ;)

23/04/08

Poolbo



Ei, ti, fodechinchos, ¿que fas no Jujel mirando pola festa do polbo de Carballiño? Non hai nada que buscar, que xa o atopaches: a Festa do Polbo por excelencia está aquí, en Mugardos ¿ou é que Carballiño ten porto de mar? Aiiiins, pasa anda, pasa...

18/04/08

Portomagno e o día da nai



Continúan as iniciativas dinamizadoras do comercio e hostalería mugardeses por parte de Portomagno. Cada "consumidor" (como dan en chamarnos os macroeconomistas) ten unha boa oportunidade para ter un detalle cunha nai cada vez que merque nun dos establecementos asociados, xa que teñen en marcha un sorteo dunha cea valorada en 100 € para dúas persoas.

É moi ilusionante ver como nos facemos conscientes de defender un proxecto común e loitamos por levalo adiante, malia os atrancos. Portomagno é aínda unha asociación moi nova, pero a bo seguro seguirá enriquecendo o día a día pulpeiro. Noraboa tamén para eles, e sorte nesta andaina.

09/04/08

Mugardesas ilustres: Elisa Vázquez Doval



Non era a miña intención xuntar dúas entradas sobre ilustres do pobo, pero vaia... neste caso o calendario obriga. O caso que, vía canariodopenedo, descubro que Elisa, compañeira miña na Colleita do 77 do Unión Mugardesa, será este venres 11 a protagonista do ciclo "O piano de vangarda" para a Fundación Caixa Galicia. Sobre ela, ademais, din o seguinte:

"Elisa Vázquez ten unha ampla traxectoria como solista, músico de cámara e pedagoga. Durante a súa carreira, deu concertos en distintos países de Europa e recibiu invitacións para tocar en prestixiosas salas de concertos, como o Concertgebouw en Amsterdam e o Vredenburg en Utrecht.
O seu especial interese pola música contemporánea levouna a investigar e difundir o repertorio para piano das últimas dúas décadas, a música contemporánea máis recente.
Nace en Mugardos, A Coruña. Realiza estudos de piano no Conservatorio Superior de Santiago de Compostela e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Posteriormente, amplía a súa formación na Escola de Música de Barcelona e no Conservatorio de Rotterdam. En 2006, recibe un Máster en Piano do Conservatorio de Utrecht. Os seus principais mestres foron: Klára Würtz, Michael Davidson, Manuel Carra, Julián López-Gimeno, Albert Atenelle e Corina Carregado.
Recibiu apoios e bolsas de importantes entidades como: o Ministerio de Asuntos Exteriores, a Fundación Caixa Galicia, a Deputación da Coruña e a Comunidade de Madrid."

Bravo por ti, Elisa.
Sómosche terra de artistas :)

07/04/08

Mugardeses ilustres: Caco



Pois tiña pensado dedicarlle a entrada ao ascenso do Galicia B, pero unha vez escollida a foto case que o vou facer dun xeito implícito e poñer de releve a ese home de bigote que estades vendo aí tan pleno e merecidamente empapadiño, como manda a tradición. Un ilustre do pobo e un home-bo. ¡Noraboa, Caco! ¡Noraboa a todos vós, rapaces! ¡Noraboa Mugardos!

03/04/08

A web que languidece



A sociedade da comunicación avanza lixeira, ás veces sen tempo a asimilar os cambios que produce na nosa vida cotiá. Internet é hoxe unha ferramenta que xa ten demostrado a súa utilidade á hora de democratizar o acceso de todos/as á información, e a súa implantación nos fogares é cada día meirande que o anterior. Sendo así, é difícil atopar unha explicación á situación actual das webs que poderiamos entender como representativas do pobo mugardés.
A web do Concello de Mugardos, pola súa función de servizo público e de información á cidadanía é, a bo seguro, a que mellor exemplifica esta eiva. O seu ritmo de actualización decaeu de xeito preocupante nos últimos meses. No mes de febreiro, como paradigma, o Concello só publicou na súa web oficial dúas novas e unha orde do día. Lonxe queda o ritmo acadado os meses previos ás eleccións municipais. ¿É isto reflexo da actividade xerada dende a administración municipal? Non, a bo seguro. Só hai que prestar atención aos xornais para comprobar que o problema reside máis no rol cuase-folclórico que se lle está concedendo á web por parte de quen corresponda, e a escasa importancia dada ao seu papel de informador da veciñanza mugardesa. No concello de Fene (usémolo como referente de mellor facer) cóntanse por dúas e tres as entradas diarias que converten fenecidadan.net nun auténtico portal para tódolos feneses/as.
Pero se o panorama na web do Concello é desalentador, máis aínda é ollar cara a dos partidos políticos da vila. Sálvanse da queima BNG e EU-IU, que botaron man dunha ferramenta áxil e doada de administrar como son as bitácoras. Con todo, poderíaselles pedir algo máis de vida: a web nacionalista apenas reaxiu co gallo das últimas eleccións; a de EU-IU parece non saber falarlle aos veciños e veciñas máis que do Caso Virgin. Pero é que se atendemos ás webs do PP ou PSOE a situación pasa a ser lamentable. A do PP por ser só un semi-voluntarioso amago de trasladar a campaña das municipais á rede. Deseño e estrutura dignos, aínda que pensados para o navegador de Microsoft, non para o resto. Aí quedou a cousa. Dende entón, cero patatero. E a do PSdeG-PSOE, tanto ou máis lamentable que a anterior. Primeiro por un deseño e estruturas impropios deste século. Segundo, por adoecer dun tempo a esta parte do mesmo que adoece a de EU-IU: só interesa trasladar aos veciños o último sobre a trama urbanística. Do resto, nada de nada.
E velaquí un panorama que deixa claro que a rede mugardesa ten aínda moito que mellorar. Polo ben de todos e todas.

02/04/08

O día F do equipo B



Mugardos échevos unha vila festeira. Poucos poden presumir de ter un circuíto rondeiro tan ben definido coma o noso, que comeza no Jarabeta e remata... poñamos que no Trope. As gañas de festa son tal que cando non hai, inventámola. E así é como os rapaces do "Equipo B" do Galicia decidiron que xa ía tocando celebrar algo e propuxéronse ascender este mesmo sábado no campo do Cabanas, alí xunto á praia. E iso só para abrir boca, porque aínda pode caer o título de liga.
Se todo sae ben a noite do sábado promete ser longa. Achégase o día F (de "Festa") do Equipo B.
Agardámosvos en Cabanas... e logo na vila ;)