14/06/09

Ela tamén é mugardesa (e perdeuse)



Esta gatiña taaaaaan bonita andaba hoxe perdida polo medio da estrada fronte ao Concello. Deixouse coller, ule ben e tiña un pouco de fame que xa non ten porque a trouxen para a casa. Non é de raza común... así que agardarei a que o dono ou dona a reclame antes de que lle colla (máis) cariño. Poden contactar por correo (artritris@hotmail.com). ¿Que nome lle poñemos mentres tanto?

Actualización: xa apareceu a dona (ah, e ao final era gato).

10/06/09

Cando camiñar pode ser prexudicial para a saúde



A velocidade, esa paixón humana que acelera os ingresos por dereitos de retransmisión dos grandes campionatos de F1 hoxe, de rallies onte... e, se cadra, o segundo soño cumprido pola nosa especie, logo do de surcar os mares, e antes do de voar.
Mais, por desgraza é tamén, dos tres, o soño que hoxendía provoca máis pesadelos. A pingueira diaria de vidas, de eivados, non semella ser abondo para os que esquecen que ao xogo das carreiras non pode xogarse nas estradas, senón nos circuítos.
Dende esta atalaia na que escribo non pasa un só día, nin un só día, no que non se conte cando menos media ducia de rinchamentos e de aceleróns máis propios de Silverstone que da AC-122 á súa entrada en Mugardos. Non pasa nin un só día dende máis dunha década na que fago vixía no que non fique agardando o desenlace sonoro. E periodicamente acontece o que periodicamente tiña que acontecer: o esnaframento.
As medidas de seguridade nalgúns tramos de estrada deste concello son ínfimas aínda agora, que cando menos temos "sendas peonís". Os riscos dos peóns son, aínda hoxe, demasiado elevados. As sinais horizontais que marcaban a fronteira entre o país dos peóns e o país dos carros nas curvas da Fontegrande non duraron nin 15 días. ¡Nin 15 días! E aos macarras non hai quen lles pare os pes.
Ogallá ninguén, nunca, teña que empregar isto que veño de escribir agora como crúa hemeroteca.

08/06/09

Europeas 2009: gañou a abstención



O dato que máis chama a atención dos resultados das eleccións ao Parlamento Europeo en Mugardos non se reflicte na gráfica. É o do 42,03% de participación, ou 57,97% de abstención, se se prefire. Menos da metade da xente convocada ás urnas. Algo non furrula no mecanismo, semella evidente.
E logo están os números dos que si foron (fomos) votar. Os votos da minoría. E a minoría mugardesa votou maioritariamente ás solucións do PP de Mayor Oreja ao tempo que lle restou un chisco de confianza ao PSOE de López Aguilar e á IU de Willy Meyer, e moita confianza ao BNG de Ana Miranda. ¿Haberá alguén que sexa quen de botar conclusións a nivel local? Eu non, mais sempre houbo optimistas...

Actualización: Velaquí tedes a gráfica da vergoña que convirte en ridículo calquera discurso triunfalista. As porcentaxes son sobre o total do censo electoral para o 2004 (gris) e 2009 (cor).

04/06/09

...e os alevíns foron subcampións de Copa



A tempada futbolística vai rematando e, vendo o balance final, podemos asomar un bo sorriso:
  1. Ascenso do primeiro equipo á Rexional Preferente.
  2. 3º posto do Galicia B na Segunda Autonómica o ano da súa estrea.
  3. Semifinais da Copa da Ría en categoría xuvenil.
  4. 3º posto do Galicia na Segunda Autonómica Infantil.
  5. 3º posto do Galicia na Primeira Autonómica Alevín (fútbol-7)
  6. Subcampionato da Copa da Ría Alevín.
Vendo semellante demostración de talento pulpeiro un xa sospeita que, se máis clubs deportivos tivesemos (especialmente femininos), máis amasabamos pola ría adiante ¿acaso non?

01/06/09

Da longa estirpe caralletas



Quixera ter escrito esta entrada onte, ou hoxe cedo, a tempo para convencer aos últimos preguiceiros, pero as cousas ás veces só son como poden ser, non como un quixer.

Conta a Historia, tantas veces desmentidora dese "antes a xuventude non era así", que á xente da volta levoulle pouco tempo facer do Voto de Chanteiro unha xolda máis pagá que devota, escenario de situacións"pouco edificantes para a moral". Unha tendencia natural nesta vila pulpeira.
Cos anos a carallada fíxoselle moito aos da banda de alá da ría e os de Ferrol dixeron que, Carmiña, lo dejo. Corría a primeira metade do XIX. Aos da Graña tamén lles viña grande a troula e baixaron do carro "desde que un año se embriagaron, cayeron al mar y hubo ahogados y con ellos cayó la imagen de S. Roque que traían en procesión". Ares tomouse o pulso e comprobou que o xen caralleta dos pulpeiros non corría polas súas veas e foi o derradeiro concello en apearse. Fomos quedando sós, o mar, a festa e máis nós. Máis de seis séculos despois continuamos a tradición dos novos avós, os avós dos nosos avós, os avós dos avós dos nosos avós... Os únicos que mantivemos a tradición festeira que Ares recuperaría xa no 1954, case 120 anos despois de escagarriñar pola pata abaixo, fomos os mendas lerendas. Fomos Nós, os Caralletas. Que siga a troula.