11/05/2011

Descifrando as claves electorais


As do vindeiro 22 de maio serán unhas eleccións municipais con moitas incógnitas (como tantas outras). ¿Romperá o BNG o teito eleitoral do 2007 ou sufrirá as consecuencias da súa convulsa lexislatura? ¿Producirase o efecto "R-evolución" no PSOE ou se verá arrastrado pola recesión que padece a nivel galego e estatal? ¿Igualará Juan Domingo o apoio maioritario que o PP só acadou no 1999 ou continuará a ser un reducto do centro-dereita nun concello de esquerdas? ¿Que repercusión terá a reunificación da esquerda non-identitaria? ¿Acadará representación plenaria Mugardos na Esquerda?

O primeiro que fixen foi observar as tendencias electorais dos últimos 20 anos, que é ata onde se pode consultar dende o portal electoral do Ministerio do Interior. Ao facelo comezan a abrollar os datos:
  • O poder electoral dos partidos autodenominados "de esquerda" é abafante. Ainda cos mellores resultados acadados polo PP (1999) só atinxiu o 35,5% dos votos e 5 edís, lonxe dos 7 que lle permitirían gobernar. A ausencia de socios naturais do PP é unha das súas principais feblezas, nun concello co voto tran fragmentado como Mugardos. Con todo, neses mesmos 20 anos ningunha outra candidatura acadou, por ela mesma, ese teito electoral.
  • O record está nos 5. Acadáronos EU-IU (1991), PP (1999) e BNG (2007). Lonxe queda a maioría absoluta do Partido Comunista no 1979, con 7 edís; ou os 6 acadados polo mesmo partido no 1983.
  • O vía crucis do PP. O papel do PP en Mugardos é complicado. Logo de pasar a lexislatura 1999-2003 na oposición ainda sendo a forza máis votada (PP 5, PSOE 3, BNG 2, EdeG-OV 2, EU-IU 1), recibiu un forte revés nas municipais do 2003. Unha das claves podería ser que naquela campaña catro das cinco candidaturas presentábanse facendo balanzo da xestión no cuatripartito. O PP quedaba á marxe desa batalla. O feito de que ainda co seu mellor resultado ficase lonxe do poder facíalle perder tamén a imaxe de alternativa real de goberno. Retrocedía nun 30%.
  • De Reganosa a Esquerda re-Unida. As contínuas divisións da que chamarei esquerda non-identitaria (ENI) minguaron notablemente a súa forza ata o punto de percibirse como residual. Esta apariencia, porén, pode resultar enganosa. De computar en conxunto as súas diferentes candidaturas atoparíamonos cunha poderosa alternativa cun chan electoral do 20,4%, moi semellante ao do PSOE (20,6%). Máis aínda: tería sido a forza maioritaria no 2003, provocando un resultado ben distinto: ENI 4, BNG 3, PP 3, PSOE 3. Porén, tampouco hai que esquecer que a escisión encabezada por Manuel Fariña mantiña a respecto de Reganosa unha posición diametralmente oposta á de Pilar Díaz nos tempos onde o debate sobre a pranta de gas protagonizaba a actualidade política. Dezaseis anos despois da súa última ruptura, e co debate gasístico en letargo (que non finiquitado), EU-IU volve a ser a única candidatura en representación desa corrente.
  • A encrucillada do PSOE. O PSdeG-PSOE preséntase ao 22-M logo de obter o pior resultado da súa historia en Mugardos nas anteriores eleccións (20,6%). Carlos Fernández presentará unha candidatura renovada, con importante presenza de xente moza e un carácter afable como principais valores fronte ao goberno crispado do BNG de Xosé Fernández Barcia. Na súa contra xoga a coxuntura política negativa que atravesa o PSOE en Galicia e no Estado. No 2003, en pleno "efecto ZP", con Touriño na Xunta e cun candidato (Juan Fernández) tamén de estrea e ampla popularidade na vila, tocou fondo. Non será doado reaxir.
  • O aplausómetro de Barcia. Nos últimos oito anos o Concello de Mugardos contou cuns recusos económicos excepcionais (7 millóns de euros da posta en marcha de Reganosa, bonanza económica, Plan E) que atoparon a Xosé Fernández Barcia na Alcaldía. O BNG estaría en condicións de rachar rexistros, mais nos últimos catro anos viuse sacudido polo escándalo medidático do caso Virgin e a inestabilidade interna no goberno municipal e na propia Asemblea Local, coa baixa conxunta de case un terzo da súa militancia por mor das irregularidades que fixeron de Barcia o candidato do BNG. Hai unha máxima que afirma que o electorado sempre castiga aos partidos divididos. O crecemento dos nacionalistas, ademais, viría parello ao descenso dos apoios de un ou varios dos seus rivais e estes, nembargantes, semellan andar preto dos límites que marca o seu voto cautivo. O discurso da "maioría absoluta" que tentou trasladar no 2007 será complicado que calle nesta ocasión e ao cabeza de lista faríalle falla algo máis que rebaixar o seu personalismo se non quere ver truncados os seus anceios de igualar a Ramón Toimil con 12 anos á fronte do Concello.
  • A incógnita do debutante. Desaparecidos da escea Independientes por Mugardos (desafectos de EU-IU) e Acción por Mugardos (desafectos do PP), abrolla unha "Alternativa de Esquerdas do Povo Galego", con candidaturas irmáns noutros once concellos e cun plantexamento "soberanista" que tentará absorver un electorado descontento agora co BNG e o xiro á dereita comandado por Barcia. A súa proposta di pretender derrubar algunhas inercias electorais e esvaer a estratexia personalista do culto ao cabeza de lista, mais na súa contra xogará xustamente ese descoñecemento das persoas, a irrupción tardía na carreira electoral e a nula cobertura mediática dos medios de comunicación tradicionais, que xa veñen ignorando a EU-IU. Poderían ser a evidencia do espazo perdido polo BNG á esquerda e unha das súas claves será a capacidade de mobilización do electorado abstencionista que lles sería receptivo.
  • A loita polo 13º asento no pleno. Nas municipais do 2007 o PP mantivo o seu terceiro asento por 22 votos que de non obtelos concederíanlle o segundo a EU-IU. Máis aínda: catro anos atrás, nas municipais do 2003, o BNG facíase co cuarto concelleiro por unicamente 3 votos, privando tamén a EU-IU do segundo. Máis lonxe quedaba o BNG nas municipais do 1999 de quitarlle un a EdeG-OV (77 votos). Foi nas dúas últimas citas onde moi pouquiños votos cambiaron o panorama político. O 22-M poden volver a ser determinantes. Fagan as súas apostas.

5 comentários:

  1. Non é nada novo posto que adoita suceder que nas campañas electorais haxa partidos políticos que utilicen espazos de publicidade nos medios de comunicación privados, nos que normalmente fan constar que se trata de publicidade paga aínda que isto último é obvio posto que a publicidade sempre se paga, e hai moitas formas de facelo.

    Polo tanto de ser así o programa a que fas mención,que eu non puiden ver por estar vendo o partidazo do Depor, en principio para min é un produto máis da sociedade de consumo.

    ResponderExcluir
  2. Certo. Xornalisticamente falando a diferencia entre un anuncio de Fairy Ultra Antibacterias e os minutos que Canal 31 lle regalou ao candidato XFB foi nula. Que eses minutos publicitarios fosen pagados polo BNG xa o dubido máis, mira ti.
    Gostaría que Canal 31 se esforzase un pouquiño máis en ofrecer entrevistas de calidade. Que tiquismiquis son eu ás veces...

    ResponderExcluir
  3. En relación ao comentario anterior dicir que penso prácticamente igual que artritris pero cunha lixeira matización, eu penso que a Canle 31 neste caso non fixo ningún agasallo e casí dou por seguro que no fondo el tamén así o entenderá.

    ResponderExcluir
  4. Canal 31 non me parece unha canle de televisión local inocente, malia os escasos recursos que amosa. Nos últimos anos só lles coñezo, en relación a Mugardos, unha entrevista ao presidente da Cofradía de Jesús de Nazareno, outra a Juan Domingo de Deus (PP) e un bo lote delas a Xosé Fernández Barcia. Nada máis. Ou si: sesgar o último debate electoral ao deixar fóra a EU-IU (MnE aínda non anunciara a súa candidatura).

    Un exemplo de bo facer e de louvable empeño por ofrecer información plural e rigorosa ao espectador, vaia.

    Recomendo tamén botarlle unha visual a ese programa chamado "El toro por los cuernos" (ollo á intro). O do Fairy Ultra Antibacterias poderiámolo substituír polo Neutrógena Anticaspa.

    ¿Que fixo esta bisbarra para merecer estes medios de comunicación?

    ResponderExcluir
  5. Descifrando as claves electorais :

    En primeiro lugar agradecer a César as importantes achegas que está realizando a través deste medio de comunicación autenticamente libre e plural, e fágoo tamén pola oportunidade que nos concede aos que pretendemos opinar e participar con argumentos no debate das ideas.

    Dito o anterior e entrando no tema que ti analizas vou expor unha cuestión, ou máis ben unha dúbida que está posiblemente na mente de moitas persoas, relacionada cos pactos poselectorais e é o feito de saber, porque sería convinte sabelo canto antes, se o BNG e o PSOE van pactar en Mugardos ou o que é peor, como ocorreu no anterior mandato, que o PSOE non pacte e déixelle en cambio facer ao BNG todo o que lle veña en gana.

    De tódolos xeitos non perdo a esperanza de que o da “Revolución” vaia en serio ou que os resultados electorais non permitan as negativas experiencias recentes.

    Para min a mellor opción sería un pacto EU - PSOE .

    ResponderExcluir